Microsoft e Citrix deron a coñecer en Santiago novas ferramentas de virtualización

venres, 10 de xuño do 2011 Redacción

Ozona, empresa galega centrada en achegar servizos de computación na nube para as empresas (facilitándolles todo tipo de operacións dende a oficina ou fóra dela e sen que sexa preciso adquirir máis infraestrutura), organizou esta semana en Santiago un evento para dar a coñecer as solucións de virtualización e cloud computing de Microsoft e Citrix. A cita, que se desenvolveu no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, no barrio de Conxo, tivo como eixe temático fundamental o concepto vAlliance, que é como se denomina á cooperación entre as devanditas compañías para subministrar recursos de computación que axilicen a xestión das empresas.
Xa a un nivel máis específico Microsoft e Citrix centraron a súa intervención en presentar as posibilidades de integrar ferramentas innovadoras de ámbalas dúas empresas para o día a día empresarial, como por exemplo a nova xeración de Citrix Presentation Server e máis os produtos Citrix XenDesktrop, ámbolos dous baseados en Windows Server 2008.
A virtude destes novos servizos, resumindo, baséase en que permiten o emprego de aplicacións baseadas en tecnoloxía Windows “a un custe reducido”, ampliándose a adaptabilidade e a facilidade de uso. Durante o transcurso da xornada desenvolvida en Santiago fíxose fincapé en que con estas ferramentas, os usuarios “conseguen un maior rendemento e condicións de seguridade melloradas”.

PUBLICIDADE