Microsoft doa software a ONGs a través do proxecto Dono

luns, 11 de xuño do 2007 Raquel Noya

Nun acto solidaridade non visto ata o de agora nesta gran multinacional, Microsoft vén de presentar oficialmente o programa Dono, que lle vai permitir a Fundacións e ONG´s o acceso de balde a programas de software da compañía. Grazas a este servizo ofrecido por Microsoft, empresas, fundacións e ONGs van poder simplificar os seus procesos de xestión e acadar a máxima eficiencia sen ter que desembolsar unha grande suma económica, e ademais, segundo Neil Holloway, presidente da firma para Europa, Oriente Medio e África, “esta iniciativa vaille permitir a estes organismos acceder de xeito sinxelo e practicamente sen costes á tecnoloxía que precisan para desenvolver a súa labor social”.
A través da web proyectodono.org, Microsoft pón a disposición daquelas organizacións sen ánimo de lucro que o desexen, as últimas tecnoloxías en materia de software polas que tan só deberán aboar a Technosite o 4 por cento do prezo no mercado dos programas, en concepto de gastos administrativos, de xestión e de envío.
Dita cantidade servirá ademais, “para proporcionarlle emprego a persoas con discapacidade que traballan nesta compañía”, segundo asegurou a directora de Technosite, Blanca Alcaide.
Cada organización que desexe acceder ós produtos de Microsoft, deberá facer un pedido mínimo de cinco licenzas para compensar polos costes de envío e este chegará nun prazo de unha ou dúas semanas. Ademais, cada entidade poderá solicitar como máximo 50 licencias por seis produtos en dous anos, é dicir, uns 300 produtos.

PUBLICIDADE