Microsoft deixará de soportar anuncios en Twitter na súa ferramenta de publicidade en liña

xoves, 20 de abril do 2023 Marcus Fernández

Para axudar a que as pequenas e medianas empresas puidesen xestionar s súas campañas publicitarias en varias plataformas ao mesmo tempo e axudalas así en plena crise do coronavirus, dende o Microsoft Garage lanzaron en 2020 o Digital Marketing Center, que actualmente é capaz de xestionar as campañas de Google Ads, Facebook, Twitter, Instagram e Microsoft Advertising, pero este servizo de balde anunciou que a partir do 25 de abril deixará de soportar Twitter.
Deste xeito os usuarios do Digital Marketing Center non poderán acceder a súa conta de Twitter dende a ferramenta de xestión de redes sociais, non poderán crear e administrar borradores ou chíos, deixarán de poder ver chíos pasado e tampouco poderán programar chíos, como viñan a facer até agora, como consecuencia dos cambios da política de Twitter, que agora cobra unhas tarifas moi elevadas para acceder á súa API, gasto que non están dispostos a asumir dende un servizo gratuíto. Temos así que querendo cobrar polo uso da API Twitter perdería a posibilidade de que moitas empresas puidesen contratar campañas publicitarias dun xeito doado, o que podería describirse como un tiro nun pé que agrava a situación actual de Twitter, compañía que aseguran que perdeu máis da metade dos seus principais anunciantes dende que está controlada por Musk.
Esta decisión de Microsoft enfureceu a Elon Musk, quen asegurou nun chío que pretendía denunciar a Microsoft por utilizar datos de Twitter para adestrar (unha intelixencia artificial), sen dar ningún dato máis que sustente tal afirmación, e sen detallar se realmente estaba a falar do adestramento de GPT-4, realizado por OpenAI, compañía independente de Microsoft (aínda que cunha forte relación comercial).

PUBLICIDADE