Microsoft celebrará internacionalmente a chegada de Windows 10

martes, 14 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O vindeiro día 29 iniciarase a distribución da actualización de Windows 7 e Windows 8.1 a Windows 10, e para celebrar o lanzamento oficial do novo sistema operativo de Microsoft, a compañía de Redmond vai organizar unha grande festa por todo o mundo, cunha forte campaña publicitaria que busca que Windows 10 teña unha rápida adopción do que está considerado como o mellor Windows feito nunca, que integra innovacións como o asistente de voz Cortana, o navegador Microsoft Edge e incluso integración co sistema de xogos Xbox.
Dende Microsoft lembran que os primeiros en recibir a actualización a Windows 10 serán os 5 millóns de participantes do programa Windows Insider, e convídaos a participar nas celebracións que organizan en 13 cidades (Sydney, Tokyo, Singapore, Beijing, Nova Delhi, Dubai, Nairobi, Berlín, Johannesburgo, Madrid, Londres, São Paulo e New York) nas que se ofrecerán demostracións prácticas, diversión e a posibilidade de coñecer a xente detrás do desenvolvemento de Windows. Á festa tamén se unirán máis de 110 tendas de Microsoft en EE.UU., Canadá e Porto Rico, onde tamén haberá experiencias de demostración, ofertas, premios... buscan, en definitiva, que o público sexa consciente da chegada de Windows 10, o que espérase que sexa un importante motor da renovación informática que o sector tanto necesita (a venda de ordenadores caeu considerablemente nos últimos meses, posiblemente en espera ao lanzamento do novo Windows).

PUBLICIDADE