Microsoft busca ideas innovadoras para convertelas en apps de Windows Phone

luns, 29 de xullo do 2013 Redacción

A iniciativa Mobile Acceleration Camp Spain, impulsada por Microsoft co obxectivo de deixarse beneficiar polo aire fresco que achegan os pequenos desenvolvedores, está a buscar en España as mellores ideas e as máis innovadoras para convertelas en apps de Windows Phone. O que pretende ao xigante de Redmond é darlle azos á idea seleccionada, acelerando o proxecto con formación en tecnoloxías móbiles, deseño e empregabilidade, adestramento, apoio a mercadotecnia e financiamento a fondo perdido para converter o proxecto en realidade.
Os interesados poden enviar as súas ideas até o 15 de setembro. As máis interesantes e innovadoras para o ollo escrutador de Microsoft serán seleccionadas para participar en AppCampus, e recibir financiamento de 20.000 a 70.000 euros así como acceso á formación de AppCademy. Os equipos seleccionados estarán convidados ao Spain StartUp & Investor Summit de outubro de 2013. O mellor equipo ademais será convidado ao Mobile World Congress 2014 para participar con AppCampus. Os proxectos seleccionados en Mobile Acceleration Camp Spain anunciaranse en setembro de 2013, segundo informa Emprendia dende o portal de seu.
Os equipos, por certo, deben estar formados por desenvolvedores profesionais coa súa propia empresa ou ter plans para pór en marcha unha start-up nun futuro vindeiro. A ferramenta proposta debe ser innovadora e inédita (non estar dispoñíbel en ningunha tenda de aplicacións móbiles), tecnicamente viábel para Windows Phone e abranguer características deste sistema operativo móbil.

PUBLICIDADE