Microsoft alenta a que se deixe de lado o Internet Explorer 6

mércores, 2 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

Cando o propio creador interesado dunha cousa nos di que deixemos de usala, se cadra habería que facerlle caso. Falamos do Internet Explorer 6, versión do navegador da casa Microsoft que xa leva tempo sendo cuestionada por unha boa parte dos internautas e que agora mesmo perde definitivamente o apoio dos seus directos responsables.
A devandita versión, que en 2001 (data do seu lanzamento) si que poñía en xogo cousas importantes, está a ser superada por unha boa listaxe de competidores máis modernos e (tamén) polas dúas renovacións da mesma ferramenta xurdidas ao abeiro de Microsoft. Con todo, cómpre sinalar que semella que o número 6 do IE quere termar da Rede con unllas e dentes antes da súa migración definitiva (cousa feita, por outra banda, segundo se nos advirte) xa que arredor do 20 % dos usuarios de Internet aínda lle dan uso.
Para webs como Bitelia, a culpa disto tena a casa responsable, que non advertiu aos internautas sobre a necesidade de renovar o dito navegador.
Agora, semella que Microsoft quere cambiar de rumbo, e faino cunha serie de mensaxes nas que lles pide aos usuarios que aposten pola versión 8 do navegador e deixen de lado a anterior achega.

PUBLICIDADE