Microsoft Teams supera os 44 millóns de usuarios activos ao día

venres, 20 de marzo do 2020 Marcus Fernández

A corentena levou a estudantes e traballadores a trasladar moitas das súas actividades diarias ao fogar, e a plataforma elixida maioritariamente para facer tal foi Microsoft Teams, servizo que está a celebrar os seus 3 anos esta mesma semana á vez que dispara o número de usuarios activos, que pasou duns 20 millóns o pasado mes de novembro a uns 44 millóns de agora.
Nestes días puidemos ver como a Universidade de Bolonia trasladou o 90% dos seus cursos á Rede en só 4 días valéndose das posibilidades de Teams; os médicos da Rede de Saúde da Universidade de St. Luke en Pensilvania empregarán Teams para facer videoconferencia coa pacientes (especialmente cos máis vulnerables ao coronavirus); e incluso o Concello de Osaka (Xapón) está a empregar Teams para formar aos novos empregados que se incorporarán á entidade en abril.
Microsoft presume de que 93 das empresas da listaxe Fortune 100 empregan Teams, servizo dispoñible en 181 mercados e en 53 linguas. Tamén aproveita a conxuntura para anunciar que prepara o servizo para recibir novas funcionalidades, como a incorporación de cancelación de ruído nas xuntanzas (o que permitiría escoitar mellor aos usuarios conectados e eliminar distraccións como o ruído dun teclado), a función de levantar a man para pedir a palabra nunha xuntanza, a posibilidade de usar Teams en cascos de realidade mixta, poder amosar as mensaxes de chats entrantes nunha fiestra aparte, soportar o funcionamento sen conexión e con conexións moi lentas, e incluso ampliar o número de dispositivos compatibles (como auriculares con cancelación de ruído).

PUBLICIDADE