Microsoft Teams presume de seguridade para disuadir do uso de Zoom

martes, 7 de abril do 2020 Marcus Fernández

Os escándalos ao redor dos problemas de seguridade de Zoom, aplicación de moda da que continúan a ver a luz serios fallos de deseño e deficiencias no manexo dos datos dos seus usuarios, levan a plataformas máis consolidadas a protexer as súas posicións chamando aos usuarios a manter a súa fidelidade por motivos tan serios como pode ser a protección da privacidade e da seguridade, que son tan importantes tanto para as empresas como para os particulares.
Dende Microsoft Teams, plataforma que ten actualmente máximos de uso, converténdose na solución de traballo en grupo máis relevante a nivel global, tanto na empresa como en ámbitos educativos, salientan que agora están a abrirse a novos públicos, como familias e amigos, que poden atopar tan práctica unha ferramenta para realizar xuntanzas virtuais; e para que este público aposte por Teams en vez doutras plataformas emerxentes, están a divulgar as súas fortalezas, como é o feito de que achegan controis de privacidade e seguridade para as videoconferencias, protexen a privacidade dende o deseño dos servizos, protexen a identidade e a información das contas dos usuarios, protexen os datos e defenden aos usuarios de ciberameazas e cumpren con máis de 90 estándares regulatorios e da industria. Queren así deixar claro que Microsoft Teams é un servizo nacido para ámbitos profesionais, válido para calquera público, pero cun coidado e unha fiabilidade da que non poden presumir servizos como Zoom (que incluso está a ser prohibido dentro de varias empresas por considerar que pode supor toda unha ameaza para a seguridade).

PUBLICIDADE