Microsoft Mesh será o vindeiro paso da realidade mixta

mércores, 3 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Durante a celebración do evento Microsoft Ignite 2021 a compañía de Redmond presentou novas ferramentas, iniciativas e servizos que buscan adaptarse ao complexo contexto global e que sorprendeu por destacar o concepto de telepresenza que veñen sostendo dende hai anos, pero que agora toma un rumbo concreto para dar lugar ao que chaman Microsoft Mesh, que é un desenvolvemento da realidade mixta que busca crear a sensación real de presenza permitindo que persoas que estean en distintas localizacións poidan compartir un espazo tridimensional co que interactuar mediante hologramas. Mesh integrarase con Microsoft Teams e Microsoft Dynamics 365, e permitirá que outras compañías poidan construír experiencias e aplicacións nesta prometedora plataforma.
O uso da tecnoloxía de HoloLens para interactuar con elementos virtuais e compartir este mundos virtuais integrados na realidade son a base desta tecnoloxía dende os seus inicios, pero con Mesh enténdese que o eixe será a presenza e as experiencias compartidas dende calquera lugar, facendo posible un futuro para o traballo e a educación que hoxe parece ciencia ficción, pero que está moi próximo a ser realidade, aínda que haberá que agardar anos a que os cascos de realidade mixta consigan ser máis confortables e melloren o seu campo de visión (que actualmente é moito máis limitado que os dos cascos de realidade virtual).

Vídeo de presentación de Microsoft Mesh

PUBLICIDADE