Micromax supera a Samsung na India

mércores, 4 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Os grandes fabricantes de telefonía móbil o teñen cada vez máis difícil para manter as súas posicións de liderado, e os mercados asiáticos parecen ser os máis competitivos actualmente, o que fai posible unha situación que até hai pouco podería parecernos imposible, como que Samsung deixase de ser o primeiro vendedor de smartphones na India, xa que a compañía local Micromax conseguiu arrebatarlle o liderado conseguindo ocupar o 22% do mercado (mentres que o fabricante surcoreano tivo que conformarse co 20%).
Estes datos veñen dun informe publicado esta semana por Canalys que resulta especialmente relevante polo feito de que a India é o segundo mercado mundial en volume de teléfonos móbiles (só detrás de China) e o terceiro en smartphones, ou sexa, que a emerxencia dos smartphones de baixo custo está a provocar que a poboación xeral pase a utilizar estes dispositivos avanzados e abandone os teléfonos móbiles básicos.
Dende Canalys estiman que a cuarta parte dos teléfonos vendidos na India no último trimestre de 2014 non chegaban a un prezo de 100 dólares, e o 41% dos dispositivos tiñan un prezo de entre 100 e 200 dólares, deixando claro que as gamas baixa e media de smartphones están a xogar un papel decisivo na penetración destes dispositivos nos mercados emerxentes.

PUBLICIDADE