Microcompostela achega tecnoloxía ERP para solucionar os problemas de xestión das nosas PEME

luns, 6 de xuño do 2016 Redacción

A empresa galega Microcompostela, centrada principalmente na implantación de software para PEME e mantemento de redes e servidores, ten no seu haber un máis que completo e avanzado sistema tecnolóxico de planificación de recursos empresariais (polas súas siglas en inglés software ERP, ou sexa Enterprise Resources Planning). Falamos da ferramenta Exit ERP, unha plataforma de xestión corporativa con ampla capacidade de adaptación, evolución e crecemento para diferentes e cambiantes contornas empresariais. Exit ERP, sinala a firma desenvolvedora, permítenos xerar novos cálculos, novas pantallas e novos informes, “para adaptalos ás demandas dos nosos procesos e evolucionar na medida en que o noso negocio o precisa”.
Hai dúas modalidades: Exit ERP Pro e Exit ERP Express. Ámbalas versións fornecen recursos precisos para “solucionar os problemas de xestión dunha empresa, facturación, contabilidade, control de almacén, rastrexabilidade, lotes, control de custes, albarás, repartos, etiquetas e envasados”.
“Cos útiles e opcións de configuración de Exit”, engade Microcompostela, “poderemos personalizar a empregabilidade da aplicación tanto a nivel de empresa como de usuario, ademais de xerarmos novos informes, novos campos e engadilos aos distintos layout”.
A nivel de personalización, a plataforma de xestión posibilita definir perfís de usuario con adaptación de menús, acceso a datos e acceso aos menús de procesos de toda a aplicación. Segundo explica a empresa, Exit ERP Pro e Exit ERP Express son “dúas solucións de xestión empresarial que satisfán os requirimentos de negocio e medianas e empresas empresas, permitindo a optimización dos procesos e máis a integración das tarefas establecidas pola empresa a través dunha solución tecnoloxicamente robusta e moderna”.
Estas serían as características principais e funcionalidades da plataforma: integración eficiente, xestión de perfís e permisos, múltiples sesións e delegacións, multiempresa, xestión documental, conectividade remota, modularidade e capacidade de evolución, facilidade de uso, achega de alertas e alarmas e fornecemento de iconografía de doada identificación. Ademais, posibilita a exportación de datos a Excel e formato PDF e o envío de documentos e facturas por correo electrónico, amais de achegar filtros de usuario en pantallas e listaxes. Tamén subministra unha única base de datos para toda a aplicación e funcionalidades para facilitar a rastrexabilidade de documentos e información (o que se coñece como trazabilidade).

PUBLICIDADE