Meubook: nova plataforma dixital galega para o impulso da e-cultura

xoves, 27 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

Imaxe captada por Pedro Silva durante a presentación de Meubook

O Centro Social Caixanova de Santiago (recentemente aberto na praza de Cervantes) acolleu este xoves a presentación da plataforma dixital galega Meubook, que estará operativa no vindeiro mes de xuño. A cita cos medios, que comezou ás 12 horas, contou (entre outros) coa presenza do director xeral de Promoción de Cultura, Francisco López Rodríguez-Barxas, o xerente de Tórculo, Jacobo Bermejo, e o director da propia iniciativa a presentar, Fernando Jíménez. O encontro serviu pois para afondar nas funcionalidades e vantaxes desta nova plataforma de contidos dixitais, que se centra basicamente en achegar unha nova canle para a venda e difusión de libros e, tamén, para a promoción da cultura mesma.
Máis polo miúdo, e segundo informan os seus responsables, xorde coa finalidade de “pór en valor os seus contidos clientes, operador de contidos dixitais e provedor de novos servizos de impresión”.
Deste xeito, e tal e como se puído deducir da presenza na presentación de libreiros, profesionais da impresión, editores e promotores web, Meubook abranguería os diferentes elos da cadea de valor do libro, dende a edición á promoción e venda en liña, pasando pola impresión e a difusión tradicional.
Así, poríase en xogo un aloxamento web para clientes e unha libraría virtual, amais de ferramentas para a consulta e a descarga de arquivos, distribución de libro electrónico, etc. Detrás deste proxecto atópase un máis que completo número de empresas do sector, varias delas formando parte do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego. O desenvolvemento técnico do proxecto é obra do Laboratorio de Redes da Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia. Por último, destacar que entre as moitas novidades que pon en xogo o proxecto atópase a posibilidade de integrar aos lectores galegos nunha rede social, un emprazamento virtual participativo que achegará perfiles individuais e ofertas personalizadas e que contará coa firma Algueirada en materia de xestión.

PUBLICIDADE