Meteogalicia permítenos ver nos móbiles o tempo que fai en 20 puntos da nosa terra

luns, 3 de outubro do 2016 Redacción

Meteogalicia anunciou a semana pasada o despregue e posta en marcha dunha infraestrutura para permitirnos ver cos nosos propios ollos, a través da Rede, o tempo real que fai en diferentes recantos da nosa xeografía. A iniciativa consiste na habilitación dunha rede de cámaras que podemos consultar dende xa a través da páxina meteogalicia.es e da aplicación gratuíta para móbiles. A día de hoxe hai 11 dispositivos activos: nos concellos de Cariño, Cedeira, A Coruña (Dique Barrié de la Maza e Punta Langosteira), Camariñas, Lira, Ribeira, Vilanova de Arousa, Cuntis, Cervantes e Carballeda de Valdeorras.
A finais de 2016 engadiranse á rede outras 9 cámaras nas localidades de Ribadeo, Burela, Viveiro, Porto do Son, Marín, Bueu, Vigo, Cangas e A Guarda.
Segundo informa Meteogalicia (Consellería de Medio Ambiente), a meirande parte destas cámaras están (e estarán) emprazadas no noso litoral. Para o seu despregue, o servizo meteorolóxico contou coa axuda de Portos de Galicia, co Porto da Coruña para as imaxes de Punta Langosteira e do dique Barrié de la Maza, e co Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas para as cámaras das Illas Cíes.
Sinalar tamén que na web e na aplicación poderán consultarse as imaxes obtidas cada cinco minutos. A isto cómpre engadir unha animación do día en curso e máis información meteorolóxica do lugar (estado do ceo, temperatura e vento).

PUBLICIDADE