MeteoSIX, a disposición de grupos de investigación e desenvolvedores

martes, 25 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

A aplicación MeteoSIX, posta en marcha a comezos de ano co fin de facilitar a achega da información meteorolóxica en tempo real en diferentes plataformas, foi desenvolvida por algúns dos equipos de investigación máis salientábeis da nosa terra. Así nolo conta a Universidade de Santiago, facendo un reconto das súas funcións, das experiencias e coñecementos postos en xogo para convertela en realidade usábel e palpábel, e das vantaxes de aproveitamento para quen queira deseñar ferramentas semellantes. MeteoSIX, “un instrumento útil para poder consultar a predición do tempo en calquera lugar e intre”, foi obra do Laboratorio de Sistemas da Universidade de Santiago (USC), o Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña (UDC) e máis o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), contándose con Meteogalicia en tarefas de coordinación.
Segundo informan, o recurso está a plena disposición de usuarios avanzados (grupos de investigación universitarios ou desenvolvedores) para a creación de novas aplicacións para móbiles ou páxinas web a partir dos datos que está a publicar MeteoGalicia. E todo a través dun servizo web de balde.
Isto é posíbel grazas en boa medida á propia natureza do proxecto, aberto, e a elementos concretos como o servidor THREDDS (Thematic Realtime Environmental Distributed Data Service), unha ferramenta de conectividade entre provedores de datos científicos e usuarios finais. Baséase, sinala a USC, na xeración dinámica de catálogos en formato xml a través dos cales se achegan ligazóns de acceso mediante diferentes protocolos ás diferentes escolmas e conxuntos de datos. A través dela facilítase acceso público a datos dos modelos operacionais de MeteoGalicia, datos arquivados e datos externos doutros sistemas.
Sinalar que ao abeiro do proxecto desenvolveuse de xeito paralelo a aplicación MeteoSIX Mobile, coa que é posible obter no móbil a predición meteorolóxica para calquera punto de Galicia ou da súa costa. Está dispoñible para os teléfonos intelixentes e tablets que contan cos sistemas Android e iOS (iPhone e iPad). A aplicación xa foi descargada arredor de 15.000 veces, e permite buscar entre máis de 29.500 localidades e 800 praias ou seleccionar calquera lugar no mapa, en terra ou no mar, e obter a predición para ese punto. Por certo que este ano está programado ampliar a cobertura da aplicación a todo o litoral atlántico e o resto da Península, con novos servizos como un recurso para coñecer información relativa ás mareas ou ás horas de saída e posta do sol nun punto determinado.

PUBLICIDADE