MeteoGalicia estrea aplicación para iPhone

luns, 30 de xullo do 2012 Marcus Fernández

A aplicación facilita a consulta das predicións meteorolóxicas de localidades e praias galegas localizadas no mapa

A primeiros de ano MeteoGalicia, xunto co Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña, o Laboratorio de Sistemas da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) presentaran MeteoSIX, unha aplicación para móbiles Android que permite o acceso ás predicións meteorolóxicas da nosa comunidade autónoma, que dende o pasado día 25 de xullo tamén está dispoñible para iOS, o que amplía a dispoñibilidade da aplicación oficial de MeteoGalicia para smartphones.
A aplicación MeteoSIX para iPhone permite buscar entre máis de 29.500 localidades e 820 praias, ou seleccionar calquera lugar no mapa, en terra ou mar, para obter a predición meteorolóxica para ese punto, podendo consultarse a predición horarias das seguintes variables: estado do ceo, temperatura, precipitacións, vento, cota de neve, humidade relativa, nubosidade, presión, ondas (altura, período e dirección) e auga (temperatura e salinidade).
Para axilizar a consulta frecuente de predicións, a aplicación tamén permite gardar en favoritos os nosos puntos de interese, aproveitando tamén o GPS do móbil para ofrecer a predición da nosa posición actual.
Ao longo de 2012 a cobertura da aplicación estenderase a todo o litoral atlántico e ao resto da Península Ibérica, con novas melloras e servizos, como poder coñecer información relativa ás mareas ou ás horas de saída e posta do sol nun punto concreto. Tamén poderá consultarse o estado da meteoroloxía para calquera punto de Galicia en tempo real a partires dos datos achegados polas estacións meteorolóxicas.

MeteoSIX vén de estrear versión para iOS
MeteoSIX permite consultar as predicións meteorolóxicas horarias

PUBLICIDADE