MeteoGalicia achega información sobre as praias galegas e estrea unha nova aplicacións para iPhone

luns, 12 de agosto do 2013 Redacción

A páxina web de MeteoGalicia conta dende esta semana cunha sección na que se ofrece predición meteorolóxica específica e detallada para preto de 700 praias galegas. Trátase de predicións para tres días e tres franxas horarias (mañá, tarde e noite). Incorpórase á predición a probabilidade de choiva e un meteoro de vento que identifica a intensidade e a dirección do vento. Esta nova sección tamén disporá de información das mareas nos tres días de predición para o porto de referencia.
Meteogalicia tamén vén de poñer en funcionamento unha nova aplicación para móbiles denominada MeteoRoute que permite consultar a predición meteorolóxica para rutas. Esta ferramenta resulta útil na planificación de viaxes de distinto tipo: coche, barco, bicicleta e sendeirismo. Esta aplicación, desenvolvida ao abeiro do proxecto RAIAco, está dispoñible para teléfonos con sistema de iOS e proximamente para Android.
A ferramenta aporta a predición detallada para cada punto da ruta. Cabe precisar que a hora de inicio da ruta é seleccionada polo usuario comodamente. As horas de paso polos seguintes lugares calcúlanse automaticamente. Para as rutas en barco, o usuario indica a velocidade media.
O usuario crea as rutas indicando a orixe e fin e tamén seleccionando os lugares de paso sobre o mapa na pantalla. Pódense importar rutas xa existentes dende ficheiros. Os percorridos habituais poden gardarse como favoritos e cada vez que se consulten amosen a predición actualizada.
O proxecto RAIAco, financiado pola Unión Europea a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal é coordinado por MeteoGalicia e ten como obxectivo achegar as predicións dos modelos físicos a usuarios finais a través de xeración de produtos específicos para fins concretos. Tanto o novo servizo de predición para praias galegas como a Aplicación MeteoRoute permiten ao cidadán planificar as súas actividades de traballo e lecer en función da meteoroloxía.
Neste senso, nas vindeiras datas MeteoGalicia tamén porá a disposición do público en colaboración co Instituto Hidrográfico de Portugal dentro do Observatorio RAIA predicións específicas para surfistas nas praias galegas.

PUBLICIDADE