Meta rexistra beneficios e amósase optimista con Threads

xoves, 27 de xullo do 2023 Marcus Fernández

O lanzamento de Meta Quest 3 podería mellorar os resultados da división de realidade virtual de Meta

O informe financeiro de Meta relativo ao segundo trimestre de 2023 amosa datos sumamente interesantes, como é o feito de que a compañía vén de superar os 3.070 millóns de usuarios activos ao día (3.880 millóns de usuarios activos ao mes), o que supón un incremento interanual do 7%, deixando claro de que a percepción que podemos ter de que as plataformas sociais de Mark Zuckerberg están caendo non se corresponderían á realidade.
Grazas á boa saúde dos servizos de Meta, a compañía conseguiu mellorar os seus ingresos un 11% até chegar aos 31.999 millóns de dólares no trimestre, estimando que rematarán o ano cuns ingresos de entre 88 e 91 mil millóns de dólares.
Pese a que o negocio de realidade virtual experimentou unhas importantes perdas (a aposta polo Metaverse é a moi longo prazo, e o feito de que estea previsto o lanzamento das Meta Quest 3 tamén provocou que o resto de visores de VR caesen en vendas), as divisións de redes sociais conseguiron compensar esas perdas, até o punto de que os beneficios netos da compañía medraron un 16%, confirmando uns resultados magníficos, que prometen manterse a longo prazo.
Mark Zuckerberg chega incluso a amosarse moi optimista co lanzamento de Threads, a plataforma social que compite con Twitter/X fóra de Europa, e que asegura que podería ser a vindeira plataforma social en superar a barreira dos mil millóns de usuarios, aínda que polo momento só está lixeiramente por enriba dos 100 millóns de usuarios.

PUBLICIDADE