Menus.es presenta unha iniciativa para potenciar a hostalaría

martes, 10 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

A plataforma galega Menus.es, lonxe de suxerir que nesta costa de xaneiro quedemos na casa para aforrar como o veñen facendo as autoridades do país, vén de presentar unha campaña promocional moito máis divertida e que tamén nos permitirá chegar a febreiro cuns cartiños no peto sen renunciar a certos luxos.
Trátase dunha iniciativa para fomentar o consumo á que se adheriron máis de 30 establecementos de toda España, entre restaurantes, hoteis e balnearios, que permite gozar dos servizos destes negocios con descontos que van dende o 40 ata o 90%.
Como saben os nosos lectores habituais, esta ferramenta de orixe galego (desenvolvida en Lugo en febreiro do ano pasado) realiza buscas de menús, fai suxerencias e localiza cupóns de desconto en restaurantes, hoteis e balnearios de toda España, botando man dos servizos de xeolocalización.
O buscador, que se distribúe de balde na Rede, localiza os 200 restaurantes máis próximos á posición do usuario que solicite este tipo de servizo, e mesmo pode realizar buscas por un prato determinado e atopar o local de hostalaría máis próximo que o ofreza na súa carta.
En España xa son máis de 10.000 os locais de hostalaría rexistrados, que están a disposición dos máis de 70.000 usuarios da aplicación. Estes últimos poden compartir información actualizada por eles mesmos en Menus.es; suxerir as especialidades da casa ou interactuar con outros usuarios a través dos comentarios deixados na plataforma.
Segundo afirman os seus desenvolvedores, Menus.es “dará o salto comercial a México, colombia e Chile ao longo deste ano, onde xa está a funcionar o servizo de xeolocalización e información de restaurantes a través da plataforma”.

PUBLICIDADE