Mellorada a plataforma Coruña eFilm cunha aplicación para móbil e TV e novas seccións

martes, 11 de xullo do 2023 S. P.

A plataforma Coruña eFilm, unha ferramenta en liña que permite ás persoas usuarias da rede de bibliotecas municipais acceder e visualizar un catálogo con máis de 10.000 títulos audiovisuais, entre películas, documentais, series e revistas, renovarase nos vindeiros meses con novo contido e funcións, segundo confirmou o Concello.
Entre as novidades destaca unha nova aplicación para teléfonos móbiles e televisións, que estará dispoñíbel a partir de setembro e suporá “unha mellora da experiencia actual”, explicasron fontes do Consistorio coruñés, engadindo que a aplicación estará operativa en dispositivos iOS e Android e en televisións Smart TV das marcas Samsung, LG, Google TV ou Android TV.
Outra das grandes novidades será a inclusión na plataforma dunha sección de manga para lectura en liña. O catálogo contará coa colección das principais editoriais do sector e as persoas usuarias poderán ler algunhas das grandes sagas do manga xaponés. Ademais, engadiranse tamén case 50 millóns de arquivos sonoros ou episodios de podcast, creándose listaxes específicas con cada unha das temáticas dispoñíbeis.
Sen deixarmos o capítulo de novidades, o Concello tamén pon o foco nunha ampliación da canle de concertos, con máis de 1.300 horas de actuacións de diferentes xéneros e o aumento da sección de revistas, con máis de 10.000 publicacións en 43 idiomas.
Esta plataforma de streaming promovida polo Concello é de balde e segundo o Goberno local “supuxo unha revolución no préstamo de contido audiovisual nas bibliotecas, cun catálogo amplo e variado que achega unha gran escolma de obras galegas e en galego”.

PUBLICIDADE