Meis aposta pola accesibilidade coa súa nova web

venres, 4 de agosto do 2017 Redacción

Os días pasados o Concello de Meis estreou a súa nova web, accesíbel baixo o dominio galego .gal (meis.gal) e co obxectivo de avanzar en accesibilidade e de artellar unha xanela única e directa a todos os recursos do municipio, entre os que se contan os servizos de contratación, de transparencia e de turismo, a sede electrónica, o portal do cidadán, o bando de avisos, a oficina tributaria e, por suposto, a actualidade sobre a vida pública do concello (novas, eventos, axenda).
O obxecto da nova andaina web era poñer ao alcance de cidadáns e visitantes unha ferramenta “áxil, dinámica e intuitiva”, segundo sinalou o alcalde José Luis Pérez o día da súa presentación. No que se refire á feitura da páxina, fíxose un especial esforzo por fornecer unha web accesíbel que puidese ser empregada pola totalidade das veciñas e veciños.
O día da presentación o rexedor engadiu que o novo sitio en liña “fomenta a participación dos cidadáns grazas á súa interactividade” e ao feito concreto de dispoñer de varias caixas de correos de suxestións e reclamacións. O novo portal está dispoñíbel ao cen por cen para a inclusión de máis servizos e funcionalidades atendendo aos requirimentos que vaian xurdindo ao longo do tempo.

PUBLICIDADE