MeigaLabs apadriña a presentación da sexta convocatoria dos premios INCUVI-Emprende

xoves, 26 de xaneiro do 2017 Redacción

Onte o Edificio Politécnico do Campus de Ourense servía de marco de presentación da sexta edición do programa INCUVIG-Emprende, unha convocatoria encamiñada ao alumnado e aos egresados recentes da Universidade de Vigo na que terán a oportunidade de presentar (até o 2 de febreiro) as súas ideas de negocio e atopar o apoio preciso para levalas adiante. Ao acto de presentación asistían representantes das entidades implicadas na convocatoria: a Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo e da Vicerreitoría do Campus, a Tecnópole, a Cámara de Comercio de Ourense, a Confederación de Empresarios de Ourense, Expourense e a Asociación de Empresarios Novos de Ourense. No acto tamén participou José Antonio Tesouro, de MeigaLabs Software Development, beneficiaria dos Premios INCUVI-Emprende en 2015 e da súa continuidade, os Premios INCUVI-Avanza, en 2016. MeigaLabs, como lembraremos, é unha firma centrada no desenvolvemento de servizos de gamificación, aplicacións e videoxogos para plataformas móbiles. Ten acadado un grande éxito coa aventura gráfica Corrupt Mayor Clicker.
“O obxectivo de INCUVI-Emprende é inculcar o espírito emprendedor”, recalcou Alejandro Martínez, director da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo. Para acadalo ofrécese aos emprendedores un espazo físico onde establecerse nos seus inicios, amais de formación, asesoramento e outros servizos.
En canto ao certame, a data límite para presentar as propostas empresariais é o 2 de febreiro, estas propostas deberán estar relacionadas con calquera das ramas de coñecemento contidas nos plans de estudo da Universidade de Vigo. Poderán participar: o alumnado dos tres campus que estea matriculado en estudos de primeiro, segundo ou terceiro ciclo, grao ou mestrado así como titulados e tituladas pola Universidade de Vigo no curso 2013/2014 ou posteriores.
Os proxectos poderán ser elaborados de xeito individual ou en grupos dun máximo de catro persoas.
As propostas deberán ser orixinais e a súa autoría corresponderá á persoa ou persoas que os presentan. Entre todos os proxectos presentados seleccionaranse os 12 mellores, que terán como premio un espazo nas pre-incubadoras dos campus de: Vigo (seis oficinas), Ourense (catro) e Pontevedra (dous). Asemade, durante un ano participarán nun programa no que se desenvolverán actividades formativas, de asesoramento e titorización dos proxectos, así como a subvención, durante o mesmo período, dos custos de estadía no espazo de traballo na preincubadora.
Engadir que no mes de xaneiro publicarase a segunda convocatoria de Incuvi-Avanza, un programa que trata de consolidar como empresas dúas das iniciativas seleccionadas no Incuvi-Emprende da edición anterior.

PUBLICIDADE