Meerkat dá por perdida a batalla contra Periscope

luns, 7 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Hai cousa dun ano coincidían no seu lanzamento as aplicacións Meerkat e Periscope, que facilitaban a retransmisión de vídeo en directo dende o smartphone, pero Periscope contaba coa vantaxe de chegar apadriñada por Twitter, e agora que Facebook está a espallar o seu propio servizo de retransmisión de vídeo dende o móbil, o futuro de Meerkat vese moi negro, de xeito que o chegar antes non supón vantaxe dabondo, de aí que agora estean a preparar un cambio de rumbo.
Os responsables de Meerkat aseguran que o vídeo en directo xa forma parte das nosas vidas, pero buscarán que tome novas formas, xa que no estado actual o seu servizo non pode medrar ao ritmo desexado, xa que a meirande parte dos usuarios recorren ás plataformas dos axentes de maior tamaño, pero confían en que elementos chave como as posibilidades que ofrecen a desenvolvedores ou a integración con GoPro poidan axudar a dilucidar os camiños que seguirá agora a empresa. O que si parece que teñen claro é que a súa ferramenta pode evolucionar nun sistema de interacción en tempo real no que o vídeo teña un menor interese, e a capa social gañe importancia. De feito, recoñecen estar a traballar dende o pasado mes de outubro no desenvolvemento dun novo produto do que aínda non dan detalles, pero que parece que sería o froito dos puntos fortes que detectaron en Meerkat que irían máis aló da mera retransmisión de vídeo en directo, e tiraría un maior proveito das funcións sociais.

PUBLICIDADE