Medran os prezos e a compravenda dos dominios na Rede

martes, 3 de agosto do 2010 Fernando Sarasketa

O valor de dominios de Internet, malia a crise (ou precisamente por ela) semella que non para de medrar. Esta realidade, que podería botar cara a atrás a máis de un comprador, ou paralizar a actividade deste eido do mercado, non impide tampouco que se incremente o índice de compravenda. Estes e outros datos sobre un dos mercados que na Rede máis se asemellan ao inmobiliario figuran nun novo estudo trimestral de Sedo, a plataforma en liña de operacións comerciais con dominios da Internet. Máis en detalle e para facérmonos unha idea de cómo a Rede vai un pouco a contra corrente da situación económica xeral, na investigación cóntase que o volume de vendas de dominios situouse en 16,8 millóns de euros, o que entre outras cousas significa un novo récord de actividade.
A xuízo do estudo, que podemos ver en formato pdf, as razóns disto poden atoparse no medre do comercio electrónico, na escaseza de dominios axeitados onde poder darlle acubillo a unha páxina ou campaña publicitaria, amais de no medre constante de internautas e accesos de alta velocidade, “o que non fai máis que valorizar os dominios”.
Sobre os prezos, o estudo baséase nos 11.146 aloxamentos que foron vendidos ao abeiro de Sedo no segundo trimestre de 2010, rexistrándose neles un incremento do prezo medio por dominio, que pasou de 1.382 a 1.506 euros. Asemade, o volume total de vendas subiu nun 2% en comparación cos datos do anterior trimestre, acadando os 16.782.210 euros.
De entre todo o comercializado, o “.com” seguiu sendo a estrela da festa, e máis se temos en conta que abrangueu tres cuartas partes das vendas. O seu prezo medio estivo nos 1.878 euros, o que supón un importante medre con respecto ao informe anterior, no que se rexistrou un custe de 1.700 euros. Por países, o “.de” de Alemaña foi o máis vendido, con case a metade das vendas.
O de España, “.es”, mantívose nun 4% do total.

PUBLICIDADE