Medran as tramitacións telemáticas e os programas abertos nos concellos galegos

luns, 29 de outubro do 2012 Redacción

A día de hoxe, segundo datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), o 56% dos concellos galegos achega a posibilidade de iniciar tramitacións telemáticas de procesos, o que en palabras da axencia AMTEGA, da que depende o observatorio, significou un medre de 20 puntos respecto a 2010. Este dato e outros moitos foron achegados esta fin de semana a través do informe sobre a Administración Electrónica nos concellos de Galicia correspondente ao ano 2011 elaborado polo dito órgano de seguimento TIC.
A investigación tamén sinala, entre outras cousas, que o 18,7% das entidades locais dispón arestora dunha sede electrónica, “seis puntos máis ca no ano 2010, sendo os elementos con maior nivel de implantación o Rexistro electrónico e a identificación electrónica da cidadanía”. E engádese: “Case o 9% dispoñen dun catálogo de procedementos, que é accesible desde Internet no 74,4% dos casos, 9 puntos porcentuais dende o ano 2010”. Ao fío disto, tamén se fai fincapé no feito de que a práctica totalidade das administracións locais galegas teñan web corporativa, chegándose a unha taxa do 100 por cento nos termos municipais de máis de 5.000 habitantes. Asemade, xa nun eido máis detallado, infórmase da taxa de concellos que recibiron xa documentos con certificados electrónicos doutras entidades públicas (o 45,7%) e da porcentaxe de aqueles que fixeron envíos de documentación administrativa (o 32,5%).
Por outra banda, o 83% dos concellos galegos accederon aos sistemas de información doutras administracións para realizar consultas, 7,5 puntos por riba do 2010, e un 44,8% dispoñen de procedementos interadministrativos integrados nun mesmo sistema informático, tamén 5 puntos máis que no 2010.
Esta dinámica”, informa AMTEGA, “vén facilitada en boa medida pola existencia do portal EidoLocal e a rede SARA, que actualmente pon a disposición das entidades locais diversos servizos de intercambio de información e contidos coa Xunta de Galicia e o goberno do Estado”.
No informe tamén se destaca que o 92% dos concellos emprega algún tipo de identificación electrónica para o acceso aos seus equipamentos informáticos por parte dos usuarios, sendo do 41,8% a taxa de concellos que utilizou o DNI electrónico ou o certificado dixital no ano 2011, “observándose un crecemento de 4 puntos en relación ao 2010 (37,7%)”.
Medre do software libre
A maiores, e tocando xa de cheo cuestións de metodoloxías empregadas, neste caso concreto facendo referencia a programas abertos, dicir que no 82,6% dos concellos, segundo se fai saber no informe, está a utilizarse algunha tipoloxía de software libre nos equipamentos informáticos municipais. “Esta porcentaxe”, dise, “mesmo acada o 96,4% nos concellos con máis de 5.000 habitantes no ano 2011, 5 puntos máis que no 2010 e 30 puntos máis que no 2008 (64,6%), focalizándose maioritariamente nas aplicacións informáticas e nos sistemas operativos”. O uso de software libre nalgún dos ordenadores municipais incrementouse preto do 50% dende o ano 2008, pasando do 53,5% ao 95,2%. No caso dos servidores o seu incremento tamén foi importante, pasando do 43% en 2008 ao 69,8% no 2011.
No 82,1% dos concellos está implantada algunha tipoloxía de software libre nos ordenadores de usuario, atopándose en combinación con software propietario no 80,2% dos casos analizados. O 57,3% dos concellos teñen servidores con software libre, ben como única tipoloxía de software (o 4,7%) ou ben en combinación con software propietario (o 52,6%).

PUBLICIDADE