Medra o uso das redes sociais entre os galegos

luns, 21 de febreiro do 2011 Redacción

A rede de blogs Ocio Networks, que conta con máis de sete millóns de usuarios únicos mensuais, elaborou por segundo ano consecutivo un Estudo de Hábitos de Internet, no que se entrevistou 1.875 internautas. Un dos apartados desta enquisa analiza o consumo de información, medios e redes sociais por parte dos usuarios, onde destaca que en Galicia aumentou o uso, de polo menos unha rede social para comunicarse. Así o manifestou o 88% dos enquisados galegos no último ano, fronte ao 79% de 2009.
A nivel nacional os datos tamén marcan un incremento, posto que o 83% dos internautas afirmou utilizar as redes sociais no ano 2010, ao contrario que o 76% que o fixo o ano pasado. Segundo este estudo, as principais redes sociais experimentaron un gran crecemento respecto ao ano anterior. Facebook é a máis popular entre os entrevistados cun 75% de penetración e un aumento do 14% de usuarios fronte a 2009. Tuenti é a segunda rede máis empregada, cun 33% de internautas que a utilizan fronte ao 22% do ano 2009. A porcentaxe de usuarios que non usa redes sociais descende significativamente en 2010 ata o 17% fronte ao 24% do ano anterior. En Galicia, ao redor dun 80% dos enquisados manifestou que utiliza Facebook, un 39% é usuario de Tuenti e outro 20% ten unha conta de Twitter.
Os datos deste estudo indican que o aumento do emprego das redes sociais cambiou o modo en que nos relacionamos. Segundo a enquisa realizada por Ocio Networks, o 62% dos usuarios afirmou que utiliza estas ferramentas para mellorar as súas relacións, o que supón un incremento do 4% respecto aos datos do ano 2009. Por outro lado, o 54% dos internautas considera que o emprego da comunicación online supuxo un aumento da súa interacción con outras persoas. Analizando os datos por idades, son os mozos de 16 anos que en maior medida recoñecen un aumento da sociabilidade, ata un 64%.
Neste sentido, Alejandro Suárez, CEO de Ocio Networks, afirma que «a consolidación do uso deste tipo de redes, cun aumento dun 7% interanual significa que Internet se converteu na principal ferramenta social para os españois, que utilizan, polo menos, unha rede social para comunicarse todos os días».
Os hábitos de consumo dos internautas cambiaron debido ao uso das redes sociais. O principal medio afectado foi a televisión, xa que o 71% dos enquisados a nivel nacional afirma ter reducido o seu consumo, unha cifra que aumentou nun 3% dende o ano pasado. En cambio, a relación entre o consumo de prensa de papel e o consumo de Internet mantense estable, xa que o 55% dos usuarios afirma que le menos xornais fronte ao 51% dos internautas enquisados no ano 2009. En Galicia, un 76% dos enquisados recoñeceu que reduciu o seu consumo de televisión, fronte ao 71% de 2009, e outro 53% afirmou que le menos prensa en papel a diferenza do 45% do ano anterior.

PUBLICIDADE