Medra o número de internautas en España e redúcese a fenda de xénero

martes, 18 de maio do 2021 S. P.

Coincidindo con este 17 de maio, xornada que ademais de ser o Día das Letras Galegas tamén é o Día da Internet, o observatorio estatal ONTSI (dependente da entidade Red.es) enumerou os detalles máis relevantes do seu informe Perfil sociodemográfico dos internautas, no que se constata o alto nivel de coñecemento tecnolóxico que existe entre a mocidade (os estudantes son a poboación máis formada, os que máis protexen a súa privacidade e datos persoais en Internet), a importante cidra de persoas usuarias da Rede que existen xa en España (a cifra de persoas que accederon a Internet nalgunha ocasión alcanzou os 37,3 millóns, aumentando nun millón e medio de persoas en 2020) e os salientábeis avances dados para reducir a fenda dixital de xénero.
Estudantes
Como dixemos, na investigación faise saber que as persoas estudantes e as que teñen maior nivel educativo son os segmentos poboacionais que máis utilizan as opcións dispoñíbeis en canto a privacidade e protección de datos persoais. Hai 25 puntos porcentuais de diferenza entre a poboación con nivel educativo alto e nivel educativo baixo, á hora de realizar accións como restrinxir o acceso á localización xeográfica, limitar accesos ao utilizar redes sociais, ou denegar permisos de información persoal con fins publicitarios.
Máis internautas
Segundo recolle o documento, cada vez é maior o número de españois que acceden a Internet. En concreto, durante 2020 a cifra de persoas de 10 e máis anos que accederon a Internet nalgunha ocasión situouse en 37,3 millóns, o que supón preto dun millón e medio máis de persoas que no ano anterior. Ademais, a gran maioría deles (o 91,3%) accederon nos últimos 3 meses. Destaca que, durante o último ano, a porcentaxe de internautas que se conectaron semanalmente a Internet alcanzou o 94% (3,6 puntos porcentuais máis que en 2019), mentres que o 83,1% da poboación fixérono a diario (5,5 puntos porcentuais máis que o ano anterior).
O informe tamén indica que case oito de cada dez internautas dispoñen dalgún dispositivo conectado a Internet. A dispoñibilidade de dispositivos conectados é menor entre mulleres (77,2%) do mesmo xeito que entre a poboación de menor nivel educativo e maior idade. Pola contra, entre os homes estes dispositivos mostran maior penetración (81,9%), do mesmo xeito que entre as persoas máis novas e de maior nivel educativo.
Menos fenda
A brecha de xénero no uso de Internet redúcese. O 94,2% de homes conectouse nalgunha ocasión mentres que esta porcentaxe sitúase no 93,8% no caso das mulleres.
O informe constata, porén, que seguen a existir diferenzas no uso de Internet ao segmentar pola variábel “idade”, xa que a poboación internauta ten un perfil lixeiramente máis novo que a poboación total. En concreto, o 26,2% dos internautas que se conectan cunha frecuencia semanal ten 55 anos ou máis fronte ao 31,2% da poboación total.

PUBLICIDADE