Medra en Galicia a capacidade para xerar vocacións tecnolóxicas e reter talento dixital

luns, 8 de maio do 2023 S. P.

O Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA) publicou un estudo sobre a traxectoria profesional dos perfís STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) na nosa Comunidade. No informe achégase unha manchea de datos de interese que confirman e corroboran a gráfica ascendente da dita traxectoria. No estudo Talento dixital estudo da traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia. Edición 2023 dise entre outras cousas que a porcentaxe de persoas matriculadas neste tipo de carreiras no Sistema Universitario Galego incrementouse un 3,6% en dous anos e preto do 80% dos titulados neste área seguen a traballar en Galicia cinco anos despois de rematar os seus estudos.
Como dixemos, o informe foi elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que analiza a evolución destes perfís profesionais durante o período 2019-2023.
Os datos sinalan que “Galicia está a incrementar a súa capacidade para xerar vocacións tecnolóxicas e tamén para reter talento”. Deste xeito, en dous anos o número de persoas matriculadas en carreiras STEM pasou de 12.996 matriculacións a 13.469. Ademais, preto do 80% das persoas tituladas en carreiras STEM está a traballar en Galicia aos cinco anos de finalizar os seus estudos. A porcentaxe de titulados neste área que optan por traballar fóra de Galicia nos cinco primeiros anos da súa traxectoria laboral pasou do 24,7% no 2019 ao 20,3% no 2021. Ademais, o informe apunta a que os egresados en STEM presentan un alto grao de satisfacción cos estudos universitarios e máis do 90% volvería a cursar a mesma titulación.
Fenda dixital aínda presente
Na investigación tamén se fai saber que a fenda dixital de xénero segue presente nos estudos STEM e é especialmente acusada na FP, na que as mulleres só representan o 12,4% do alumnado. No Bacharelato o 47,5% do alumnado de Ciencias e tecnoloxía son mulleres pero na universidade esta porcentaxe quédase no 34% a pesares de que en ambas etapas formativas as mulleres son, globalmente, máis do 55% do alumnado.
Por titulacións, as mulleres son minoría nas carreiras de enxeñerías e tecnolóxicas (Informática, Industrial e Telecomunicacións). “Son maioría nas Ciencias Naturais e en Matemáticas partían dunha situación igualitaria pero van perdendo peso no alumnado a medida que neste grao é máis difundida a súa relación coas tecnoloxías da información”, engádese.
Inserción laboral e sectores
Respecto ao nivel de inserción laboral, o estudo sinala que o 87% das persoas tituladas na área STEM en Galicia está traballando aos cinco anos de titularse, cun crecemento do 4,1% respecto a dous anos antes. Resulta salientable que a inserción laboral das mulleres acada o 87,3% e supera lixeiramente á dos homes 86,6%.
Por outra banda, o tempo para acadar un posto de traballo entre os universitarios STEM en traballos relacionados reduciuse en máis de mes e medio.
O estudo reflicte tamén “a aceleración da dixitalización no tecido produtivo e o aumento da demanda de tecnólogos e científicos en todos os sectores”. Con todo, o sector TIC é a principal fonte de emprego para as persoas tituladas STEM (23,8%) seguido pola industria non TIC (16%) e as empresas non TIC de enxeñaría e servizos a empresas (13%). En cuarto lugar o sector público (administración xeral, educación e sanitaria) emprega ao 12,6% de egresados.
Funcións actuais
As principais tarefas relacionadas coas tecnolóxicas máis disruptivas que están a desenvolver titulados STEM son mobilidade, tecnoloxías na nube (Cloud), análise de datos masivos (Big Data), ciberseguridade, Intelixencia Artificial, tecnoloxías verdes, Internet das Cousas e biotecnoloxía.
A estes roles súmanse as ocupacións máis “tradicionais” de titulados STEM como estratexia e xestión do negocio no sector TIC, programación, desenvolvemento web e administración de sistemas, mantemento e xestión de redes, webs e sistemas informáticos e docencia en materias STEM.
As ocupacións emerxentes ou relacionadas con tecnoloxías disruptivas que máis aparecen na descrición dos empregos dos STEM son nos ámbitos de análise e ciencia de datos, biotecnoloxía e medio ambiente.
Demanda de persoal con titulación STEM no sector TIC
Na investigación explícase tamén que o 81,1% das empresas TIC que ofertan emprego para titulados STEM, indican que “cubrir estes postos é difícil ou moi difícil”. En canto aos perfís concretos do persoal que demanda o sector TIC, máis do 48% das empresas TIC de Galicia busca perfís relacionados coa programación, desenvolvemento de aplicacións e desenvolvedores de software en xeral; máis do 20% busca profesionais relacionados coas tecnoloxías cloud, a xestión do dato e a ciberseguridade; e máis dun 18% das empresas tecnolóxicas están demandando na actualidade perfís con coñecementos en Intelixencia Artificial.
Os resultados detallados do informe están dispoñibles na web www.osimga.gal.


PUBLICIDADE