Medra a marxe de empresas galegas que investirán en métodos de pago para apps

luns, 7 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Estamos preparados para apostar por aplicacións móbiles? Segundo se desprende do estudo O futuro da aceptación de pagos, a resposta non é nin un si rotundo nin tampouco un non categórico, pero se cadra comeza a estar máis preto do primeiro ca do segundo. Ou sexa, que se está axigantando a marxe de empresas que si que están preparadas. De feito, a investigación sinala que tres de cada dez PEME galegas teñen programado investir en métodos de pago para aplicacións móbiles ao longo deste ano.
Ademais, o espallamento e consolidación das ditas operacións en liña e os pagos sen contacto tamén é unha cuestión prioritaria para as PEME galegas, xa que 2 de cada 10 proponse investir nestes métodos ao longo de 2018 e, mesmo, un 10% dos comercios planea facelo en páxinas optimizadas para móbiles.
O dito informe, que será presentado no evento Impulsando a Túa Empresa (o 10 de maio en Vigo), foi elaborado por UniversalPay entre máis de 3.000 empresas estatais e 500 consumidores, co obxectivo de “coñecer as tendencias e os próximos retos a ter en conta polos comercios á hora de aceptar pagos, e os hábitos de consumo dos compradores no momento de realizar transaccións”.
Na investigación, amais de todo o devandito, sinálase que a gran maioría dos comercios da nosa terra (9 de cada 10 establecementos) considera que a sociedade evoluciona cara a un sistema de pagos sen diñeiro en efectivo. Deles, o 60% cre que “chegaremos a ela nun futuro próximo” e o 10% considera “que xa vivimos nela”. Amais, de face a 2020, o 60% dos comercios de Galicia está convencido de que os pagos realizaranse a través de aplicacións móbiles e o 20% con contactless. Un 10% cre, ademais, que as transaccións máis populares faranse a través de carteiras dixitais.
O informe de UniversalPay tamén sitúa a Galicia como unha das Comunidades máis seguras en canto a fraude dixital. Segundo esta enquisa, o 80% dos comercios galegos non rexistrou perdas por este motivo o pasado ano, fronte ao 62% das PEME do resto de España.

PUBLICIDADE