Medra a cifra de danos provocados por accidentes tecnolóxicos no fogar

martes, 9 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Accidente improbable pero posible visto no sitio de Agea no Flickr.

Se vostede está lendo esta información e mentres le sente que lle doe o pulso ou os cadrís, entón é moi probable que esta e outras webs sexan en boa medida culpables desas molestias. Ou mellor dito: esas e outras dores son consecuencia de empregar a esgalla as novas tecnoloxías nas condicións ergonómicas escasamente axeitadas. Neste senso, a tendencia, de non remedialo pasando menos horas diante do computador ou ben mudando a cadeira que nos impoñen os xefes por outra traída da nosa man, é a de que as molestias vaian a máis. Brincadeiras aparte, a situación xa non é cousa de broma se do que falamos é de nenos.
Segundo nos conta un informe publicado no American Journal of Preventive Medicine (do que se fai eco El Navegante), os danos provocados a cativos pola presenza en todos os recantos de computadores multiplicouse por sete nos últimos 13 anos. A situación ten lóxica e non a ten. Por unha banda, semella normal que a máis equipos tecnolóxicos, máis consecuencias se deriven deles. Pola outra, non é para nada normal que provoquen danos uns obxectos que non teñen por que moverse se os propios adultos teñen coidado de que non se despracen.
Ao parecer, a maior parte destas lesións veñen dadas por tropezos nos fíos do ordenador ou ben porque este está perigosamente situado nunha mesa ao alcance dos máis pequenos e remata caendo cando estes lle botan a man. A cifra dá que pensar e move á reflexión sobre a disposición que lle temos aos aparellos tecnolóxicos no fogar: entre 1994 e 2006 foron contabilizados 78.000 casos de lesións graves vinculadas a accidentes con equipos informáticos, tendo a gran maioría delas a súa raizame no ámbito doméstico. Entre os aparellos que máis perigosidade potencial atesouran sitúase sen dúbida a pantalla do computador, arestora xeralmente máis miúda pero até hai ben pouco, coa tecnoloxía de tubos, incorporando os seus case tres ou catro quilos de peso. De feito, os danos relacionados con este equipamento supoñen o 37,1% do total.

PUBLICIDADE