Medium, unha nova plataforma que busca reinventar a publicación na web

xoves, 16 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Os fundadores de Twitter, Ev Williams e Biz Stone, están a probar unha nova plataforma de publicación na web, Medium, que asegura ser unha “reimaxinación da publicación nun intento de dar un salto evolutivo, baseado en todo o que aprendemos nos últimos 13 anos e nas necesidades do mundo de hoxe” no que moitos ven como unha mestura entre Tumblr e Pinterest, por agrupar entradas tipo blog en coleccións que comparten unha aparencia e que están abertas a valoracións doutros usuarios (o que afecta á visibilidade das entradas).
Polo momento os usuarios poden entrar a probar a nova plataforma identificándose coa súa conta de Twitter (para poder ver e valorar positivamente as entradas das que máis gustemos), pero a publicación de contidos aínda non está aberta ao público en xeral, pois o servizo está en desenvolvemento e os seus distintos elementos aínda non están debidamente conectados.
Haberá que ver se hai espazo para esta nova plataforma, pero en vista quen son os seus responsables (que lanzaron Blogger no seu día) o interese por Medium parece máis que xustificado.

PUBLICIDADE