Medio milleiro de persoas participou en Santiago na xornada de APD sobre a tecnoloxía do mañá

xoves, 13 de outubro do 2016 Redacción

O fundador de Tuenti no congreso compostelán nunha imaxe de Ecodixital.com

Finalmente celebrouse o pasado 11 de outubro un encontro directamente encamiñado a permitirnos albiscar a tecnoloxía do día de mañá que está a predicir en maior ou menor medida o noso hoxe. A terceira edición da xornada O mundo que vén desenvolveuse no Pazo de Congresos de Santiago e veu da man da Asociación para o Progreso da Dirección (APD), en colaboración co IGAPE e o Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG). O encontro, que foi de balde, comezou ás 9.00 horas cun acto de apertura no que participaron José Mª Arias (presidente Zona Noroeste APD) e Javier Aguilera (director xeral do IGAPE). Fixeron acto de presenza máis de medio milleiro de persoas.
Tocáronse (entre outros moitos temas) cuestións como os mercados do futuro, a tecnoloxía que revoluciona o xeito de producir e comunicarnos, o diñeiro dixital ou as posibilidades produtivas e industriais do deseño en 3D.
Entre outros moitos persoeiros da industria “do mañá”, debullaron cuestións tecnolóxicas profesionais como o fundador de Tuenti e Cabify, Adeyemi Ajao, que fixo un interesante achegamento ás novas formas colaborativas de producir (baseadas curiosamente en fórmulas que veñen de antigo: as fórmulas do traballo en común para aumentar a efectividade do produto final e reducir custos e esforzos) ou ás posibilidades da información inxente (Big Data).
Tamén participou, entre outros moitos relatores referenciais, o ex-ministro de Defensa e presidente da Fundación Transforma España, Eduardo Serra, que avogou por un meirande investimento das administracións a prol da educación, pero sempre dunha maneira axeitada que redunde no ben común e no noso desenvolvemento social e económico. Serra engadiu que unha das transformacións máis cruciais dos retos ante os que nos atopamos é “a reforma do modelo educativo español”. Ademais, avogou por esixir “aos políticos que se poñan a traballar, darlle autonomía ás escolas para poder ofrecer unha educación personalizada e que o sistema universitario renda contas”.

PUBLICIDADE