Medio cento de persoas fórmanse en mercadotecnia dixital e videoxogos da man da Cámara e o Concello de Santiago

mércores, 4 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Medio cento de mozas e mozos menores de 30 anos participan xa nos cursos tecnolóxicos que vén de pór en marcha o Concello de Santiago. Trátase, por unha banda, dun curso de mercadotecnia dixital e, pola outra, dunha actividade formativa destinada a mostrar ao alumnado os segredos do desenvolvemento de videoxogos. As sesións lévanse a acabo ao abeiro da colaboración entre o Concello e a Cámara de Comercio compostelá, xestionado a través do Departamento de Promoción Económica.
Segundo informa o Goberno local, en ambas actividades deseñouse unha estrutura compartida de programa formativo a modo de itinerarios, “conformado por sesións de grupo, titorías individualizadas e formación online complementaria”. Ademais, cada unha das accións reserva un paquete de entre 50 e 100 horas de acompañamento para o grupo, a distribuír entre os participantes máis avanzados na creación do seu negocio. Estas dúas actividades impártense no Viveiro de Empresas de Costa Vella.
No que respecta ao Programa de Márketing Dixital e Emprendemento, que comezou onte pola tarde ás 16.00 horas, ten como obxectivo “proporcionar unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa, para poder determinar as oportunidades de mercado e desenvolver o plan de empresa ou plan de mellora”. O programa axudará ao alumnado a definir a súa propia estratexia de comunicación nos novos medios (redes sociais, blogs, buscadores, etc.), e executar accións para mellorar a reputación e a visualización dos seus produtos ou servizos en internet. Finalizará o 17 de abril e nel inscribíronse 25 persoas. Está organizado pola Cámara de Comercio de Santiago, en colaboración coa Fundación INCYDE, e conta co co-financiamento do Concello a través do Fondo Social Europeo.
No que se refire ao Programa de Videoxogos e Emprendemento, arrancou este martes 3 de marzo con dúas ducias de participantes. Abrangue as principais disciplinas vencelladas coa creatividade dentro do mundo do videoxogo, baseando os seus obxectivos na formación e na empregabilidade, xa que, segundo informa o Concello, “existe unha demanda de persoal cualificado para as áreas de 3D, produción, arte, deseño visual, deseño de personaxes e contornas, desenvolvemento visual, modelado, construción de contornas no motor, efectos visuais, etc”. O curso rematará o 17 de abril e enmárcase dentro do programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado polo Fondo Social Europeo para o período 2014-2020. Está organizado pola Cámara de Comercio de Santiago, en colaboración coa Fundación INCYDE, e conta co co-financiamento do Concello a través do FSE.

PUBLICIDADE