Medio Rural lanza app de balde para facilitar a clasificación nos matadoiros

luns, 28 de xaneiro do 2019 Redacción

A Consellería de Medio Rural vén de achegar unha ferramenta móbil desenvolvida para facilitar o traballos dos operarios dos matadoiros. Máis polo miúdo, para axudalos na clasificación dos canais de vacún. A aplicación, chamada denominada SEUROBov_Imaxes, adapta ao plano dixital os trípticos editados como guías de referencia para a clasificación dos corpos dos animais, seguindo o modelo europeo. A app vén da man de Fernando Vázquez, inspector da unidade de control da calidade das producións gandeiras da Consellería do Medio Rural.
Nun plano máis detallado, a aplicación facilita a actividade dos traballadores xa que poderán consultar tanto en tableta como en smartphone as características que deben reunir os canais, así como consultar imaxes. O obxectivo, sinala Medio Rural, é que sexa “un instrumento de referencia no proceso de formación de clasificadores e tamén unha fonte de acceso rápido aos modelos de canais para todos os implicados na comercialización desta carne: inspectores, clasificadores, alumnos, operadores comerciais, responsables de calidade, etc”.
SEUROBov_Imaxes está dispoñíbeis para dispositivos Android de xeito gratuíto a través de Google Play. Ademais, funciona en todas as linguas oficiais de España, así como en inglés, francés, italiano, neerlandés, polaco e portugués. Segundo explica Fernando Vázquez, “o seu manexo é sinxelo e está aberta a melloras a través de comentarios e suxestións”. As novidades iranse incorporando de maneira automática nas vindeiras descargas e actualizacións.

PUBLICIDADE