Medio Rural e AMTEGA habilitan unha aplicación para facilitar a solicitude das axudas Leader

luns, 2 de xaneiro do 2023 S. P.

A Xunta (Consellería de Medio Rural e axencia AMTEGA) vén de habilitar unha aplicación informática destinada a facilitar a solicitude das axudas da medida Leader dunha maneira o máis sinxela posíbel. Trátase da ferramenta Xalea, á cal podemos acceder a través dunha ligazón na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. O lanzamento acompañouse da publicación dunha Guía de Axuda para facilitar o seu uso.
Esta nova ferramenta lánzase ao abeiro da última convocatoria de Leader, que se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 29 de decembro de 2022, cun orzamento de 15,3 millóns de euros para as anualidades 2023-2024. Trátase da sexta convocatoria deste tipo no que vai no período 2014-2020, prorrogado por dous anos. Estas axudas enmárcanse dentro da submedida 19.2 da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.
Este orzamento está co-financiado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 2,5% pola Administración Xeral do Estado e nun 22,5% pola Xunta de Galicia, as seis convocatorias deste período Leader supoñen unha axuda pública de 90,3 millóns de euros.
Esta orde de axudas busca mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida e a inclusión social, entre outros aspectos.

PUBLICIDADE