Medio Ambiente publica unha páxina web sobre o novo canon da auga

mércores, 8 de agosto do 2012 Redacción

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de habilitar unha páxina web na que se explica o contido e implantación do novo canon da auga. Este espazo na Rede pretende despexar e explicar as dúbidas máis frecuentes dos cidadáns galegos sobre este imposto, así como aclarar calquera cuestión. Outra das aplicacións creadas para esta web é a calculadora do canon da auga, polo que cada cidadán ou empresario saberá o que ten que pagar na súa vivenda ou no seu negocio.
Como xa se ten manifestado o canon da auga incorpora un sistema de tarificación por tramos de consumos, polo que se ten en conta o número de persoas no fogar. Así, para coñecer o importe do canon da auga que vai ter que pagar bastará con mirar na última factura os datos do volume de auga consumido (non o facturado, xa que no canon da auga non existen mínimos de facturación), o período de facturación do recibo (mensual, bimestral,...) e indicar o número de persoas que residen na vivenda.
Esta estrutura caracterízase polo establecemento de bloques de consumo (expresados en metros cúbicos ao mes), de xeito que o que se consuma dentro do primeiro bloque grávase cun importe moi baixo, o que se consuma dentro do segundo, será mais alto, etc. O obxectivo destes tramos é premiar a aqueles cun consumo máis responsable, e que as tarifas máis altas sexan para aqueles que desperdicien a auga de acordo cos estándares de consumo doméstico. Estes bloques non son fixos, senón que varían en función do número de habitantes da vivenda, e loxicamente os bloques son maiores se hai máis persoas, permitindo que a máis metros cúbicos dos consumidos se lles apliquen os tramos máis baratos.
Así pois, aquelas persoas que antes do 1 de setembro acrediten o número de persoas por vivenda aplicaráselles este sistema dende o primeiro momento. A tramitación pode xa iniciarse a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. Tamén na páxina web que se vén de habilitar poden realizar esta tramitación.

PUBLICIDADE