MediaMarkt busca 75 profesionais para a súa estrea en Santiago

venres, 16 de xuño do 2017 Redacción

MediaMarkt, a compañía multinacional de distribución de electrónica de consumo, vai abrir sede en Santiago. De feito, fontes da empresa xa confirmaron que abriron o proceso de selección para cubrir os 75 postos de traballo que precisa para o seu novo establecemento compostelán. Segundo informa a firma, as candidaturas xa ponde presentarse a través do portal Únete a Nós da web de MediaMarkt. O prazo remata o vindeiro 30 de xuño.
A idea da compañía no que ao proceso de busca de profesionais e contratacións se refire, é aplicar novamente a estratexia de seu para estes procedementos: procurar unha equipa de traballadores que saliente “polo seu dinamismo, o seu entusiasmo pola tecnoloxía e, sobre todo, por unha excelente orientación ao cliente”.
De feito, entre os perfís que precisa incorporar atópanse as funcións de atención e servizo ao usuario en todos os seus ámbitos, así como perfís de xestión de mercadoría e distribución.
A empresa tamén engadiu que con este novo proceso, está demostrar unha vez “o seu compromiso coa creación de emprego no ámbito estatal”. Un compromiso que se vai materializar este ano a través da xeración de 250 novos postos de traballo grazas á apertura de dependencias en Preciados (Madrid), Nevada Shopping (Granada) e Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE