Media Markt abre mañá as súas portas en Marineda City

mércores, 4 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Tal e como adiantamos a semana pasada, a cadea de tendas de electrónica de consumo Media Markt vai retornar á cidade da Coruña, celebrando a súa reapertura no centro comercial Marineda City mañá mesmo, ás 9:00 horas, permanecendo aberto ata ás 22:00 horas, para facilitar que os consumidores poidan achegarse para beneficiarse das ofertas especiais que prepararon para a ocasión entre as que destaca a prórroga da promoción Tu Jugada del Mundial, a través da que premiarán aos clientes que acerten os equipos que chegarán á final do Mundial de Fútbol de Brasil coa devolución do importe dos produtos acollidos a esta promoción que se compren entre os días 5 e 7 de xuño. Grazas a esta reapertura Media Markt volve ter 5 centros na nosa comunidade autónoma.

Álvaro Jiménez, xerente do establecemento, agarda que máis de 30.000 persoas se acheguen á nova tenda nos 2 primeiros días

O novo establecemento é un chisco máis cativo que o Dolce Vita, quedando a súa superficie en 2.200 m2, nos que ofrecerán máis de 50.000 referencias de produtos das primeiras marcas de electrónica de consumo, contando co cadro de persoal íntegro da súa anterior ubicación, que chegará reforzado durante estes días para poder atender á apertura da nova tenda, polo que contarán con máis de 60 traballadores.
O xerente de Media Markt A Coruña, Álvaro Jiménez Alonso, aseguran que dende o novo establecemento coruñés esperan recibir a máis de 30.000 persoas durante os dous primeiros días de apertura ao público.

PUBLICIDADE