Vodafone TV terá decodificador baseado en Android TV

xoves, 28 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Vodafone presentou hoxe o seu novo decodificador de televisión, agora baseado en Android TV, que reduce o seu tamaño e peso nun 20% en comparación coa versión anterior, así como tamén ofrece unha maior experiencia de uso ao contar cun 50% máis de velocidade de procesamento e memoria, de xeito que a súa resposta é máis fluída.
O novo trebello converterase no decodificador estándar de Vodafone TV, e irase entregando aos novos clientes do servizo a partir da segunda quincena de outubro. Dispón de todas as funcionalidade de Vodafone TV e, ao estar baseado en Android TV, permite tamén o uso de moitas outras aplicacións de vídeo baixo demanda, contando o seu mando a distancia con botóns de atallo para acceder a HBO Max, Disney+ e Prime Video.
O novo decodificador tamén incorpora o Asistente de Google (e xeito que será posible sintonizar canles de televisión, iniciar aplicacións, controlar a reprodución de vídeo e buscar contidos simplemente premendo o seu botón no mando a distancia e dándolle as instrucións correspondentes coa nosa propia voz) e a funcionalidade de Chromecast (facilitando o envío de contidos ao televisor dende o móbil).

PUBLICIDADE