Media Markt Ferrol abre as súas portas este xoves

mércores, 23 de outubro do 2013 Redacción

Media Markt, multinacional xermana de distribución de electrónica de consumo, inaugura este 24 de outubro ás 8 da mañá a súa nova tenda en Ferrol. O establecemento é o número 71 en España e o cuarto en Galicia (A Coruña, Vigo, Lugo e, agora, Ferrol). Media Markt Ferrol conta cun total 53 empregados, dos cales o 90% reside na localidade e na súa contorna e atopábase até o de agora en situación de desemprego, tal e como sinalamos hai uns meses dende Código Cero facendo mención do sobre o papel encomiábel proceso de contratación levado a cabo pola cadea.
Segundo informa a multinacional, “o equipo de profesionais especializados en cada unha das áreas de venda estará ao servizo dos clientes para asesorarlles persoalmente e resolver calquera petición sobre os produtos que comercializa a compañía”.
A superficie total do novo establecemento supera os 2.400 metros cadrados e achega unha oferta de máis de 45.000 produtos “de primeiras marcas no sector das novas tecnoloxías, a electrónica, a informática doméstica, produtos de lecer e electrodomésticos”, engade Media Markt, que explica que apostará especialmente por potenciar a súa área de televisores, con máis de 150 modelos e entre os que salientan aqueles que integran tecnoloxía 3D e LED, ademais das novidades en tablets e tecnoloxía. Jorge Medina, xerente de Media Markt Ferrol, explica que “na nosa tenda os ferroláns poderán atopar todas as máis recentes novidades tecnolóxicas a prezos nunca vistos na zona”. Ao seu xuízo, “é unha gran nova para a cadea chegar a Ferrol para fornecer o noso pequeno gran de area, xerando 53 postos de traballo nunha zona tan afectada polo desemprego”.

PUBLICIDADE