McCartney convida ós seus seareiros a unha cea virtual para loitar contra as minas anti-persoa

xoves, 12 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

O ex beatle Paul McCartney está a mover ficha na Rede a prol dunha causa ben concreta: a loita contra as minas anti-persoa. E faino do xeito que se cadra ten máis a man: convocando ós seus seareiros para a campaña Adopt-A-Minefield (Adopta-Un-Campo de minas), unha iniciativa que, como o seu propio nome indica, encamíñase a ceibar as terras dos países en guerra deste tipo de aparellos, axudando a reconvertelas en leiras para o cultivo e á mellora da calidade de vida das familias dos países devanditos. Mais, como concorrer na proposta de sir Paul? Pois do seguinte xeito: facendo doazóns dunha cifra mínima de 25 dólares co fin de participar nunha cea virtual co ex beatle. Converténdose desta maneira en convidados de McCartney, os internautas recibirán un galano especial a través do correo electrónico de Paul: unha canción inédita súa a modo de agradecemento por ter contribuído na campaña.
A canción, titulada LifeLong Passion, ten feitura de peza única para os seareiros do cantante, posto que nin apareceu en discos oficiais nin tan sequera nas escolmas piratas que soen poñer no mercado o nunca publicado polos artistas do renome (caras B, maquetas, bootleg). Polo que se conta na Rede, o tema é unha pista rexistrada co pseudónimo de The Fireman, e foi o resultado dunha das colaboracións de sir Paul co produtor Youth.

PUBLICIDADE