Materiais didácticos dixitais para o emprego das TIC no ensino

luns, 9 de xuño do 2008 Raquel Noya

Beatriz Cebreiro, coordinadora do proxecto europeo EFELCREN

O Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa da USC ao mando da profesora Beatriz Cebreiro, que se encarga de coordinar o proxecto europeo EFELCREN, vén de anunciar que os exemplos de boas prácticas seleccionados nos centros educativos xa están en fase de experimentación e que, unha vez testados, serán facilitados de balde a través un centro de recursos na Rede.
EFELCREN é un proxecto destinado a deseñar materiais didácticos europeos en liña para estudantes de educación primaria e secundaria que, en Galicia, se desenvolve da man do Departamento de E-learning do Centro de Supercomputación (CESGA).
Este organismo é socio tecnolóxico do proxecto e está encargado da adaptación e posta en marcha dun sistema para xerar a Comunidade Virtual e o Centro de recursos na nosa terra; todo isto, segundo Beatriz Cebreiro, “empregando ferramentas de software libre”.
Estes materiais inclúen contido interactivo como simulacións, xogos en liña ou vídeoclips, así como unha validación destes tanto por parte dos alumnos como dos docentes. No futuro, os devanditos materiais poderán ser descargados a través desta comunidade virtual onde tamén haberá espazo para dúbidas, opinións, distribucións dos exemplos de boas prácticas e guías didácticas para os usuarios.
Na iniciativa participan investigadores e profesores da Universidade de Dublín, do Instituto Nacional de investigación para Tecnoloxía Didáctica de Italia, da Corporación Euneos de Finlandia, do Centro de Información Tecnolóxica de Educación de Lituania e da Universidade danesa Sealand.
Seguindo o exemplo do proceso de Boloña, o que se busca é a unificación da educación non universitaria en Europa, para o que se analizaron, segundo explicou Cebreiro, “os obxectivos dos materiais educativos comúns nos diferentes currículos dos países”.

PUBLICIDADE