MásMóvil triplica a velocidade das súas tarifas de fibra a 100 Mbps

mércores, 23 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

A competencia está a levar aos operadores de telecomunicacións a mudar as súas tarifas con bastante frecuencia, ofrecendo normalmente mellores prezos ou maiores capacidades de descarga dende o móbil, pero desta volta temos unha mellor máis substancial, xa que MásMóvil vén de actualizar a súa velocidade máis baixa para as liñas de fibra óptica, que pasa dos 100 Mbps aos 300 Mbps, sen afectar ao prezo. Este cambio de velocidade aplícase de xeito automático a clientes actuais e novos, aplicándose tanto a liñas de fibra como a combinados de fibra e móbil.
Deste xeito temos que as liñas de fibra de 300 Mbps con chamadas ilimitadas a fixo teñen un prezo de 29,99 euros/mes (que por 3 euros máis poden ampliarse cunha liña móbil con 1 GB de datos e chamadas ilimitadas), mentres que se a tarifa inclúe un móbil con 25 GB de datos e chamadas ilimitadas custa 39,90 euros/mes (podendo engadirse liñas móbiles adicionais por a partir de 1 euro/mes).
Actualmente manteñen ofertas con velocidades de fibra de 100 Mbps operadores como Lowi, O2, Finetwork e Simyo, co que buscan principalmente achegar tarifas moi económicas (por exemplo, a liña de fibra de 100 Mbps de Simyo custa só 25,99 euros/mes, custando o paso a 300 Mbps 3 euros máis ao mes).

PUBLICIDADE