Más de cen expertos en tecnoloxías de datos participan estes días na décima conferencia IberGRID

luns, 23 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) organiza esta semana (dende hoxe até o 26) a décima conferencia hispano-lusa de IberGRID sobre cooperación científica e tecnolóxica. A edición 2019 desta xuntanza, na que participan o CSIC e diversas entidades de España e Portugal, estase a celebrar no Campus Sur de Santiago (na Facultade de Químicas, nas dependencias do CSIC e máis no CESGA) co obxectivo de fomentar “a interpretación e a adopción de servizos para apoiar proxectos de investigación de vangarda”. Na conferencia intercambian coñecemento avanzado máis de cen expertos en cómputo e almacenamento de datos científicos de ambos países.
As xornadas foron inauguradas pola responsábel da European Sciencie Open Cloud do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, María Cuesta, o vicepresidente de Investigación Científica do CSIC, Jesús Marco de Lucas e o director-xerente do CESGA, Mauro Fernández Dabouza.
A décima conferencia hispano-lusa contará con diversos relatorios, nos que se abordarán temas como a cooperación entre comunidades ibéricas de investigación, o fomento da adopción da Open Science, o desenvolvemento de servizos de software innovadores e o I+D para redes, servizos informáticos e ciencia baseados en datos.
Asemade, o encontro acubillará dous importantes acontecementos: o lanzamento do proxecto EOSC-Synergy (European Open Science Cloud) e a reunión anual da Research Data Alliance.
Rede IberGRID
A rede IBERGRID créase en 2003 en virtude dun acordo de cooperación científica e tecnolóxica asinado entre España e Portugal e os pactos de colaboración rubricados en 2005 en termos de tecnoloxías e redes de comunicación. O chamado Plan Ibérico Común aborda a implementación dun proxecto para a conexión das redes de investigación e de coordinación das aplicacións científicas, infraestruturas de computación distribuída, infraestruturas de supercomputación e acubillos de datos. Esta colaboración inclúe, ademais das infraestruturas, unha serie de reunións e conferencias, que se celebran de forma alternativa en ambos os países.

PUBLICIDADE