Marvel publicará os seus comics simultáneamente en papel e formato dixital

xoves, 3 de novembro do 2011 Marcus Fernández

O pasado 31 de agosto a editorial norteamericana DC Comics fixo historia ao comezar a editar as súas coleccións simultaneamente en papel e en dixital, cando ata o momento o habitual era que os comics tardasen uns 2 anos en estar dispoñibles en formato descargable. Pese á oposición das librarías especializadas (que ven ameazado o seu futuro), parece que a xogada está a saír bastante ben, e Gizmodo vén de adiantar en primicia que a Marvel tamén fai seguir o mesmo camiño, aínda que este revolución editorial será paulatina, non chegando a completarse ata finais de marzos de 2012.

O iPad está a ser un grande impulsor do cómic dixital

Cómpre destacar que DC puido adoptar esta nova política de publicación de vez porque coincidiu co relanzamento de 52 das súas coleccións, pero a Marvel vai ter que ir coordinando o salto das súas series para que coincida con novos arcos argumentais, para que os lectores dixitais non atopen historias iniciadas nas súas primeiras compras.
Polo momento as compras de comics dixitais aínda son moi modestas, pero resulta evidente que os tablets están a disparar o seu consumo, por ser o primeiro soporte que achega unha experiencia de lectura semellante á da banda deseñada en papel, e o feito de que as 2 editoriais máis importantes do mundo (Marvel e DC) estean agora a apostar dun xeito tan decidido polos formatos dixitais demostra a súa importancia, tanto para manter vivo o sector como para captar novos lectores (o principal reto actual da industria).

PUBLICIDADE