Mark Zuckerberg casa tras a entrada no NASDAQ de Facebook

luns, 21 de maio do 2012 Marcus Fernández

O pasado sábado sorprendeu unha actualización de estado do perfil de Mark Zuckerberg, na que deu conta de que casaba coa súa moza Priscilla Chan, evento do que non se sabía nada con anterioridade, e que chegou xunto despois da estrea de Facebook no NASDAQ, operación que convertía a Zuckerberg nun dos homes máis ricos do mundo se atendemos á valoración da súa compañía en 104.000 millóns de dólares.
A cerimonia tivo lugar no fogar de Zuckerberg e Chan en Palo Alto ante un cento de asistentes (familiares e amigos), e a parella levaría 4 ou 5 meses organizando o seu casamento, que tamén foi unha sorpresa para os seus convidados, que acudiron pensando que se trataba da festa sorpresa para celebrar a graduación de Chan na Escola da Medicina de San Francisco (Universidade de California).

Polémica estrea no NASDAQ

Esta nova chega nun momento no que a OPV de Facebook está de máxima actualidade, en boa medida polos problemas técnicos que xurdiron nos seus primeiros momentos, que provocou unha suba na cotización das participacións da compañía de Mark Zuckerberg, que ao final da xornada normalizouse, quedando en só un 0,71%, cando algúns chegaron a pagar un 14% máis, o que anoxou a moitos investidores, que piden compensacións polo acontecido. Ao parecer, a incidencia nos sistemas do NASDAQ poderían ter provocado unhas perdas por valor de 100 millóns de dólares (valorándoas algunhas fontes en preto de 200 millóns). Polo momento non está claro se o NASDAQ ten a obriga legal de compensar aos investidores das perdas causadas polo mal funcionamento dos seus sistemas.
ACTUALIZACIÓN: Ao operar con normalidade no NASDAQ durante a xornada do luns puidemos ver que o comportamento bolsista de Facebook no seu primeiro día decepcionou, o que levou a unha caída de valor no contorno do 10%.

PUBLICIDADE