Marina d´Or pide que se retire a información referente ó grupo na Wikipedia

venres, 30 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

A Wikipedia volve ser o centro do debate, a raíz do debate e o debate mesmo. Logo de que se prohibise terminantemente o seu uso nun colexio de Estados Unidos e máis no eido laboral do Ministerio de Xustiza holandés (xa que cren que a enciclopedia virtual e aberta é fonte de difamación), volve estar de actualidade por ser a orixe dun curioso enfrontamento: o que manteñen colectivos ecoloxistas e a inmobiliaria Marina d´Or, dúas partes que semellan condenadas a non entenderse dende antes de que puxese a primeira pedra do complexo (antes incluso de que os ecoloxistas tomasen conciencia de seu).
O caso é que, segundo informa Elpais.es, a raizame do problema está nun artigo posto na Wikipedia sobre o devandito Grupo e que tivo como consecuencia unha resposta do mesmo.
O artigo, que vén a ser como unha colección de trapos sucios (un, tras outro, pendurados e á vista de todos), esnáfrase de fronte cos intereses e cos pareceres do grupo, ó que semella que non lle gusta nada que se cuestionen actividades súas como as construcións masivas que se están erguendo na beira do mar en Oropesa (Castellón). Finalmente, responde esixindo a retirada inmediata do texto e ofrécese a achegar toda a información referente á súa política ambiental. E sinalan: “A Wikipedia non debe ser contaminada por informacións falsas, especialmente se se trata, como é o caso, de mentiras planificadas conscientemente dende a ignorancia, o que supón un grave atentado contra a boa vontade dos milleiros de usuarios da Wikipedia”.

PUBLICIDADE