Marín en Rede xa conta con 246 fichas de negocio multimedia activas

venres, 2 de febreiro do 2024 S. P.

O Concello de Marín fixo balance esta semana da actividade xerada pola iniciativa Marín en Rede, un proxecto posto en marcha en plena pandemia para axudar á visibilización da economía local, para servir de rede e sustento das campañas municipais e para poder axudar á dixitalización dos negocios da vila. Segundo fixo saber a concelleira de Turismo e Comercio, Cristina Acuña, Marín en Rede consolidouse neste tempo como “escaparate virtual do comercio do municipio”, presentándose como unha ferramenta axeitada para que o tecido produtivo local afronte os seus principais retos de transformación.
No informe facilitado polas métricas da web e das redes sociais de Marín en Rede, neste momento hai 264 fichas de negocio multimedia activas, nas que se poden consultar todos os datos do comercio ou local e ver un vídeo promocional dos mesmos. “Este aumento destaca a solidez e a atracción de Marín en Rede para as empresas locais, cunha ampliación constante do seu directorio, que mellora as experiencias dos usuarios e contribúe ao desenvolvemento económico local”, expresou a concelleira, quen destacou o importante papel da iniciativa nas redes sociais: “Neste momento o perfil de Marín en Rede en Facebook conta con 2.028 seguidores e con 1.428 no caso de Instagram”. A gran maioría deles proceden de Marín e de Pontevedra, aínda que tamén seguen as publicacións e promocións comerciais persoas de Vigo, Bueu, Cangas, Moaña, Poio e Sanxenxo.
Nas 108 publicacións que se realizaron, 41 delas son reels ou vídeos cortos de promoción dos negocios “que sabemos que funcionan estupendamente, porque nos axudan a poñerlles cara ás persoas que rexentan os negocios e nos permiten achegarnos a todo o que ofrecen de forma atractiva”.
Acuña asegurou que Marín en Rede seguirá traballando para que no 2024 os números sexan tan positivos coma no 2023 e adianta que de cara á primavera “traballaremos nalgunha campaña e acción de rúa que siga visibilizando e apoiando ao noso comercio e hostalaría”.

PUBLICIDADE