Mariano Rajoy estrea videoblog

xoves, 15 de marzo do 2018 Marcus Fernández

De xeito un tanto sorprendente, o presidente do Goberno de España e do Partido Popular, Mariano Rajoy, estreou hoxe a través de Twitter e Facebook un videoblog, no que semella un xeito de modernizar as súas canles de comunicación para achegarse ao público máis novo.
Aínda que podería ter empregado a súa primeira intervención para facer declaracións sobre temas de actualidade, parece que tiveron a ben iniciar esta nova aventura dun xeito moito menos arriscado, optando por unha mensaxe de corte promocional no que Rajoy reflexiona sobre a súa traxectoria como afiliado do Partido Popular, diríxese aos novos afiliados da formación política e aproveita a ocasión para dar conta da campaña #SoyPopular, organizada co gallo da Convención Nacional en Sevilla os vindeiros días 6, 7 e 8 de abril, na que queren que os afiliados e simpatizantes acheguen un breve vídeo contando a motivación para adherirse ao PP.
Resulta un tanto rechamante que Rajoy empregue un formato que normalmente se emprega para conseguir unha proximidade case persoal para publicar unha peza máis propia dunha campaña electoral, fuxindo así da naturalidade que o público esperaría dunha canle de comunicación como esta. Tamén é curioso que esta peza se dirixa a afiliados do Partido Popular e non á cidadanía en xeral.

Primeira entrega do videoblog de Mariano Rajoy

PUBLICIDADE