María Rivas afirma que a Cidade das TIC conectará Coruña e Galicia co mundo en materia de I+D+i

xoves, 4 de novembro do 2021 S. P.

O salón de actos da Fundación Luis Seoane, sede da UIMP Galicia, acolle hoxe e mañá o curso breve A Cidade das TIC: construíndo un futuro dixital, organizado polo reitor da UDC, Julio Abalde, e a catedrática de Computación e Intelixencia Artificial, Amparo Alonso, investigadora do CITIC da UDC. A mesa inaugural veu da man de Carme Artigas, secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial. Na apertura da actividade participaron o reitor da UDC, Julio Abalde, a directora da UIMP en Galicia, Obdulia Taboadela e máis María Rivas, a subdelegada do Goberno na Coruña, quen dixo que a Cidade das TIC é “o proxecto que conecta A Coruña e Galica co resto do mundo en materia de Investigación, Desenvolvemento e Innovación”.
O curso
Nesta actividade formativa afondarase no futuro económico-social nun mundo dixitalizado en que a Intelixencia Artificial e a análise de información a gran escala (Big Data) ocuparán a vida e modificarán todos os sectores económicos. En concreto, estudarase como o proxecto da Cidade das TIC, na antiga Fábrica de Armas da Coruña (onde a UDC, co-impulsora do proxecto, contempla a instalación dun espazo físico compartido de empresas e institucións relacionadas a través do dixital), “pode xogar un papel fundamental no desenvolvemento dese futuro”.
Un logro e unha oportunidade
Rivas engadiu que o proxecto para converter a antiga Fábrica de Armas na Cidade das TIC é desde logo “unha gran oportunidade para A Coruña e para Galicia” e avougo por “aproveitar ao máximo as sinerxías” que proporciona o proxecto, que cualificou como “o mellor escaparate para mostrar as fortalezas da investigación e a industria tecnolóxica de Galicia e para captar investimentos e proxectos nun claro exemplo de colaboración público-privada en beneficio da sociedade”.
A subdelegada agradeceu o consenso institucional amosado con esta iniciativa. Segundo lembrou, o Ministerio de Defensa coa súa titular, Margarita Robles, xunto coa UDC, o Concello e a Xunta “fixeron posíbel que poida ser unha realidade, en primeiro lugar coa concesión dos terreos, propiedade do Goberno”. E engadiu: “A Universidade e a cidade da Coruña saben que contan co total respaldo do Goberno para desenvolver e afianzar a Cidade das TIC porque é consciente de que é o futuro, un futuro que xa está aquí e do que non pode quedar fose a área metropolitana coruñesa e Galicia”.

PUBLICIDADE