María Jesús Lorenzana e Patricia Argerey entregan os Premios Galicia de Innovación e Deseño 2023

xoves, 21 de decembro do 2023 S. P.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, entregaron este xoves 21 de decembro os Premios Galicia de Innovación e Deseño. No ámbito do deseño, resultaron premiados Uqui Permui pola súa traxectoria e Ismael Velo como talento emerxente, así como a empresa Costa Comunicación Visual; mentres que no tocante á innovación os galardoados son Centum Research & Tecnhology, Pasek Minerales e Carme Pampín.
No transcurso da gala, a conselleira sinalou que estes galardóns impulsados por GAIN (Consellería de Economía) serven para poñer de relevo “como a innovación e o deseño cumpren un papel esencial para mellorar a competitividade das empresas e a calidade de vida das persoas”, servindo tamén para reivindicar a marca Galicia, á que contribúen finalistas e gañadores co seu traballo e creatividade.
Na súa intervención, a conselleira lembrou que “nos seis últimos anos, as axudas da Xunta para impulsar a I+D+i de xeito específico nas pequenas e medianas empresas beneficiaron a case medio milleiro de pemes, mobilizando proxectos por valor de 47 millóns de euros”. Tamén recordou que a Administración autonómica ten en marcha o programa de deseño para a innovación e a sustentabilidade. “Esta folla de ruta recolle a aposta da Xunta de Galicia polo deseño como ferramenta de transformación económica e social”, dixo.
Como dixemos, na categoría de profesionais do deseño resultou gañadora Uqui Permui, responsable do estudio Uqui Cebra, en Santiago de Compostela, mentres que Ismael Velo (Ourense) foi o galardoado no apartado de talento emerxente no deseño. A empresa premiada como caso de éxito de incorporación do deseño á súa estratexia empresarial foi Costa Comunicación Visual (A Coruña).
As outras tres categorías dos galardóns entregados hoxe buscan recoñecer a profesionais e empresas de Galicia que contemplan a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial. A peme gañadora foi Centum Research & Technology (Vigo), mentres na categoría de grande empresa, cunha actividade innovadora ao longo de, como mínimo, dez anos, distínguese a Pasek Minerales (Cariño). No tocante á categoría para empresarios e profesionais cunha traxectoria na que a innovación fose unha das súas características relevantes, nesta edición distínguese a Carme Pampín.

PUBLICIDADE